sexta-feira, 17 de agosto de 2007

Banalizar ou trivializar a historia (outra vez).


Ola a todos/as:

Hai xa demasiado tempo que non paseo polo peao. Agora vou de acó para aló, de carro - aínda que non conduzo nin aspiro a ocupar un alto cargo - de tren (lento), de avión (low cost), de autocarro (ateigado) ou, por sorte ultimamente, de bicicleta (regalada, como as dos nenos) . A maiores, estou de vacacións. A alimentación dos meus circuitos neuronais está parada, tamén por fortuna para min e, sobre todo, para aqueles que me rodean. Nembargantes, nos primeiros días das feiras, continuaba co mal vicio de comprar (e até de ler na praia) o xornal. Por fortuna, xa fun quen de deixalo.


Naqueles tempos, hai uns dez días, unha noticia chamoume a atención e fíxome reflexionar - en graos pouco profundos - acerca dun asunto sobre o que xa colguei noutra ocasión un post no noso caro peao. A saber, a banalización da historia, da que na España se está a encargar - entre outros medios de comunicación - unha canle de TV privada (Tele 5) que periodicamente emite programas sobre o lado máis "rosa" ou "amarelo" de personalidades da nosa historia recente, de Adolfo Suárez, primeiro presidente da nosa actual democracia constitucional, ao "generalísimo" Francisco Franco.

Pois ben, a imaxe que me golpeou, nesta mesma liña, foi a de Mijail Gorbachov sentado no asento de atrás dun coche de luxo e xunto a unha bolsa de viaxe da "popular" marca Louis Vuitton, esa mesma que patrocina competicións de deportes tamén "populares" como por exemplo a "Copa do América" de vela. De fondo, aquí ven o terrible, os testemuñais (e tamén turísticamente banalizados) restos materias do muro de Berlín que, suponse, aínda que dubido que este fora un obxectivo consciente da súa vontade política a mediados da década dos 80, "axudou a derrubar" o propio Gorbachov.

É imposible ollar para unha foto como esa e non sentir un pouco de embarazo ou de incomodidade. Xa non é que Gorbachov se teña convertido nun pseudo icono pop da mercadotecnia capitalista ou que Lenin, mesmo embalsamado, fora quen de levar as mans á cabeza, non. Viñéronseme á mente os milleiros de persoas que morreron intentando atravesar ó muro cara á República Federal Alemana, as familias separadas e divididas durante décadas, as vítimas da "stasi" da RDA, a tensión psicolóxica na que millóns de persoas en todo o mundo viviron como consecuencia da ameaza nuclear durante a Guerra Fría...

Coa súa colaboración, co seu toque de modernidade snob, Gorbachov púxose un pouco ao mesmo nivel que os Beckam, que o final van ser verdadeiros líderes mundiais e uns auténticos visionarios. Levará nesa bolsa de viaxe Gorbachov uns calzoncillos da marca Calvin Klein? Eu apostaría que si... A s novas xeneracións non saberán nada nin da Perestroika, nin das manifestacións e protestas dos grupos opositores que levaron o desartellanto da dictadura comunista soviética e do Partido Comunista da URSS, nin do golpe de Estado frustrado do verán de 1991, nin nada de nada sobre quen foi históricamente Gorbachov, máis aló dun señor que anunciaba bolsas de viaxe pijas, posh, quecks (se se escribe así) ou como raio se queira dicir...

Para completar o cadro, a foto en cuestión foi feita por unha reputada fotógrafa, precisamente especializada na fotografía das "personalidades" e dos "triunfadores" do noso tempo, de renome internacional como Annie Leibowitz, calquera non ten renome con este nome, a non ser que sexa veciño e campesiño nunha aldea perdida de Polonia ou de Ucraina... En fin, que a foto en cuestión é tamén unha "obra de arte". Iso si, agora xa non se lles poderá responsabilizar en exclusiva aos medios de comunicación ou as grandes empresas multinacionais, porque os propios actores ou axentes históricos (das elites) están dispostos a seren trivializados. Xa o dixera, a comezos dos anos 90, un moi coñecido cantautor español, Joaquín Sabina, cando cantaba: "No habrá revolución, es el fin de la utopía, ayer Lenin y Zsa Zsa Gabor se casaban en New York...".

PD: Alguén se anima a fabricar conmigo chapas de Gorbachov como esas que hai do Che Guevara? O negocio ten futuro. Eu insistiría na mancha ou eczema da cabeza como concepto Kitsch a comercializar.

3 comments:

Daniel Melo disse...

Compadre, vamos lá então chapar o Gorbachov! (ao lado de Ieltsin e de Putin, ainda pareceu o menos mau, mas que sei eu?)
Estás em forma, meu caro Lanero, vê-se que essas férias estão a ter bons efeitos!
Excelente post, dá pano para mangas... São tantos os temas...
O pior deste palco pós-moderno dos famosos é o estado lamentável em que se encontra a Rússia.

andre disse...

Ola Daniel,

Quanto a mim, e sem por-me do lado dos Vuittons, acho que a foto tem alguma qualidade e alguma ambiguidade. Para além do aspecto publicitario, há qualquer coisa no olhar do Gorbachov e também no contraste entre o aspecto... - como dizer... decadente - do muro e o luxo do interior. Acho que estas duas coisas dao uma certa ambiguidade à foto, uma especie de melancolia. Que pode ser, na minha interpretacao, a melancolia do olhar do Gorbachov (e do nosso) face ao rumo que tomou a sociedade pós-comunista - o capitalismo desenfreado como única saida. Deste ponto de vista subjectivo, nao vejo na foto uma banalizacao da historia, mas uma forma de interpretacao quase lucida. Mesmo no contexto da publicidade a uma marca de produtos de luxo.
Nao sei se me faco entender.
Também há que acrescentar, em atenuante de Gorbachov, que ele hesitou antes de aceitar entrar na campanha publicitária e que a utilizou para financiar a organizacao ecologista, a Cruz Verde Internacional, que ele mesmo fundou.

ver, por exemplo, aqui:

http://www.el-universal.com.mx/notas/440910.html

Um abraco,

Andre

Daniel Lanero Táboas disse...

Ola Andre,

Gostei moito do teu comentario. É intelixente, sensato e mesmo repara nos valores artístifcos da fotografía, que en efecto, os ten. O meu post era pretendidamente provocador e, na liña daquilo do que me ocupaba, tamén un pouco frívolo nalgúns pasaxes, noutros penso que non. Teño ido ler o link que proporcionas no teu comentario.

En calquera caso, supoñendo que no ollar de Gorbachov haxa unha certa melancolía polo rumbo que tomou a sociedade rusa despois da caída da antiga URSS, isto resúltame algo contradictorio con prestarse a protagonizar unha campaña de productos (complementos) de luxo ós que non pode acceder máis que unha pequena parte da poboación, mesmo nas sociedades capitalistas máis "desenvolvidas". Ademais, penso que en certo modo Gorbachov banaliza un pouco a súa propia personalidade ou figura histórica ó colocarse (seguro que sen ser esta a súa intención) no mesmo plano que artistas ou deportistas que, no fondo, son tamén, na súa condición de ídolos, un producto de consumo - e un modelo de triunfadores sociais - destas mesmas sociedades.

Máis hai unha cousa que me preocupa máis e que xa estaba implícita no meu post. As reinterpretacións que as nosas sociedades fan da súa "Historia do tempo presente" ou historia recente. Aínda que isto non sexa ningunha novidade, para as nosas sociedades, e nisto penso que os medios de comunicación, sobre todo os audiovisuais, xogan un papel fundamental, a súa historia recente continua a ser unha historia das elites e das grandes personalidades, onde o papel da sociedade civil e dos movementos sociais como axentes das mudanzas políticas e sociais queda de todo esvaído... Penso que isto ten que ver algo coa influencia destes media audiovisuais que potencian a importancia do inmediato,do "espectáculo", da asunción veloz e superficial da información, que precisan renovar con celeridade a sucesión de feitos e de persoas, pois istas "queímanse" se están expostas en pantalla máis aló dunhas horas ou duns días, pois xa non son unha novidade e aburren ó público.

Tamén é interesante de que xeito o propio Gorbachov reinterpreta a súa propia dimensión como personaxe histórica aceptando e asumindo a imaxe que a propia opinión pública e os propios media edificaron. Teño as miñas dúbidas (por non dicir certezas) de que as medidas reformistas iniciadas por Gorbachov en 1985 - 1986 tiveran no seu horizonte algo máis que un intento de reforma aperturista dun sistema que él entendía colapsado. O que aconteceu foi que a apertura reformista das "oportunidades políticas" acabou por facer entrar o sistema en colapso. Por outra parte, non creo que a caída do muro fose un obxectivo programático ou político do propio Gorbachov, senón máis ben unha consecuencia - vencellada a outros factores específicos - da súa decisión de non volver intervir militarmente nos países do Pacto de Varsovia. Volvendo ao anterior, as interpretación "normativas" e aquelas con máis éxito polo que fai á súa difusión social, inciden na importancia das elites no proceso e marxinan o papel das reivindicacións, das protestas e da acción colectiva dos cidadáns en xeral.

Apertas. Daniel.