Mostrar mensagens com a etiqueta Política Galiza/Espanha. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta Política Galiza/Espanha. Mostrar todas as mensagens

terça-feira, 23 de janeiro de 2007

Dende Galicia. Sen Estatuto de nación.

Dende a primeira coalición electoral do goberno tripartito catalán – aló polo outono de 2003 – a reforma dos Estatutos de Autonomía pasou a ser un tema central da axenda política en España. Tamén en Galicia, onde diversos proxectos e rascuños de reforma estatutaria, presentados polo Bloque Nacionalista Galego – BNG – e polo Partido Socialista de Galicia – PSdG – PSOE – viron a luz. Pola súa parte, o daquela gobernante Partido Popular (PP) amosou un claro desinterese polo asunto e mesmo fechou as portas ós primeiros pasos da reforma lexislativa.

As disputadísmas eleccións autonómicas de xuño de 2005 (37 deputados o PP, 25 o PSdG e 13 o BNG) mudaron de vez o panorama político galego e deron lugar a unha nova maioría, PSdG – BNG, tras dezaséis anos ininterrompidos de goberno da dereita na persoa de Manuel Fraga. O novo Estatuto pasou a ser un tema central no debate político galaico, aínda que, a diferencia do que aconteceu en Cataluña, sen ocupar por completo a vida pública e sen ocultar a acción de goberno ou moitos outros debates políticos de relevancia (política forestal e incendios, política urbanística...) .

Despois de ano e medio de tiras e afrouxas, de intensas negociacións no seo da ponencia parlamentaria do Estatuto, de entrevistas persoais entre os líderes das tres forzas políticas galegas, o pasado mércores 17 de xaneiro chegouse a un desenlace, do que aínda non sabemos se será só unha “parada técnica” ou un bloqueo a longo prazo. Os tres líderes políticos galegos (o socialista E. Pérez Touriño – presidente da Xunta de Galicia - o nacionalista Anxo Quintana e o “popular” Alberto Núñez Feijoo) foron incapaces de acadar un acordo na xa denominada como “Xuntanza do Monte Pío”, a residencia oficial do presidente da Xunta de Galicia. Os tres, aparte de botarse as culpas reciprocamente (en especial os socios de goberno ó PP e viceversa) só coincidiron na terminoloxía futbolística empregada para xustificar o fracaso das negociacións: “non puido ser” en troques do que tería sido máis axeitado: “fumos incapaces”.

¿Cáles son os principais puntos de desencontro, de polémica, xenerados polo novo proxecto de Estatuto? En principio, poderían reducirse a catro ou cinco: o financiamento, os investimentos do Estado en Galicia nos vindeiros dez anos, a reforma da Lei Electoral, o status da lingua galega e a definición identitaria de Galicia no preámbulo desta nova Lei Orgánica do Estado que sería o novo Estatuto.

As diferencias en financiamento e en investimentos infraestructurais parecen salvables. Os tres grupos están de acordo en que o Estado español deberá investir en Galicia en torno a un 8% dos seus orzamentos nos vindeiros dez anos, en especial para correxir os nosos déficits infraestructurais. Tamén é factible un acordo en canto á porcentaxe que ingresará a facenda galega en concepto de IVE e doutros impostos indirectos. A reforma da Lei Electoral semella un escollo máis difícil de salvar, no que as proxeccións demográficas e as súas consecuencias políticas xogan un papel determinante. A idea é que o Estatuto fixe, por consenso, a representatividade proporcional (en deputados) de cada provincia e, deste xeito, non se poida (como até de agora) modificar a lei pola vía das maiorías parlamentarias. A actual coalición de goberno (PSdG – BNG) pretende reducir, seguindo criterios de proporcionalidade demográfica na representación política, o peso electoral das dúas provincias do interior (Lugo e Ourense), dende hai medio século en caída libre en canto ó seu peso demográfico e dinamismo económico, e fortemente avellentadas. Nas dúas, o PP é o claro dominador da escea política. Os populares opóñense, xa que logo, a unha reforma da lei neste sentido (polo demais, na miña opinión, bastante razoable) e pretenden fixar no novo Estatuto que as modificacións futuras da lei electoral galega só se poidan realizar polo acordo dos 3/5 do parlamento. É dicir, queren contar con posibilidade de veto.

Nembargantes, o núcleo das desavinzas entre o goberno de coalición e o PP e, nalgunhas ocasións, entre os dous socios de goberno (PSdG – BNG), estivo na definición identitaria de Galicia. O artigo primeiro do proxecto de Estatuto que se negociou definía a Galicia como unha “nacionalidade histórica” que, no marco da constitución española, se constitúe en Comunidade Autónoma. Aquí non houbo problema. As dificultades chegaron no texto do preámbulo. O PP non acepta, de ningún xeito, a posibilidade de que Galicia poida ser conceptuada como nación, e propuxo “alternativas” para a súa definición como: “Rexión histórica do mundo occidental” (que para min ten un non sei que de reminiscencias da linguaxe franquista) ou, como máximo, estaría disposto a recoñecer que, certos galegos – os nacionalistas – representan en Galicia a “manifestación dun sentimento nacional”. O BNG, pola súa banda, partindo de posicións maximalistas e, en principio, irrenunciables, dada a súa propia natureza ideolóxica, non aceptaba unha rebaixa do termo “nación”, aínda que, a responsabilidade de formar parte do goberno e a necesidade de chegar a un acordo fíxoo ir cedendo nas súas pretensións. Por fin, o PSdG, un partido que non é nacionalista (a diferencia do seu homónimo catalán) pero que goberna en coalición cos nacionalistas galegos e se move no marco de reforma territorial pulada polo propio J.L. Rodríguez Zapatero, viuse obrigado a facer permanentes equilibros e decantouse por fórmulas indirectas como “nazón de Breogán” (recollida no himno oficial) ou outras semellantes.

A proposta definitiva do presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, na xuntanza do pasado mércores foi, interpretando á actual Lei de Símbolos de Galicia (aprobada en 1984 por unanimidade do parlamento), definir a Galicia como “fogar e nación común de tódolos galegos”. Semella que o BNG tería aceptado esta definición. O PP non o fixo alegando que o desexo de que Galicia sexa recoñecida legalmente como nación é tan só unha manifestación das pretensión do BNG (que conta cun 20% dos votos no parlamento), e asegurando que eles non poderían traicionar ós seus 750.000 votantes para os que, eles así os interpretan, nin Galicia é unha nación nin unha parte moi importante dos galegos (os que lles votan) queren que o sexa. O argumento podería parecer razoable e, dende logo, é politicamente impecable.

Estas intepretacións diverxentes explicarían que o proxecto de novo Estatuto esté agora na nevera. Pero hai outras razóns máis de fondo que explican a situación actual. En primeiro lugar, o clima de fortísima crispación política que se vive en España, cunha liorta permanente e sen respiro entre oposición e goberno, que xira en torno do modelo e das prácticas da política antiterrorista do goberno de Rodríguez Zapatero. En segundo lugar, penso que o líder da oposición en Galicia, A. Núñez Feijoo, xogou a empregar a negociación do Estatuto como un posible mecanismo de desgaste do goberno galego, tratando de forzar un acordo estatutario PP – PSdG que deixara á marxe ós nacionalistas galegos e fixese, como colofón, saltar polos aires ó goberno de coalición entre socialistas e nacionalistas. En conclusión, a diferencia das sensación que o líder “popular” transmitía nos comezos do proceso (a vontade de acadar a un acordo) dá a impresión de que chegou á derradeira etapa negociadora sen ningunha intención de lograr un texto consensuado que, por outra parte, temía que puidese ser capitalizado politicamente pola coalición de goberno.
¿Cales son as perspectivas de futuro do novo Estatuto? ¿Está definitivamente morto e haberá que empezar de cero, como di o BNG, ou estamos, como manifestan dende o “PP”, no “descanso do partido”?

Semella que haberá novos episodios. Ou iso agardamos da responsabilidade dos nosos políticos (alomenos por unha vez). Galicia non se pode permitir quedar á marxe do proceso. Cataluña, Andalucía, Valencia, Baleares, Aragón… ou xa teñen aprobado polas Cortes do Estado o seu Estatuto ou están en vías de telo. Que se retomen as negociacións vai depender dos propios acontecementos políticos, tanto en Galicia como no conxunto de España. En maio haberá eleccións municipais. Servirán como o primeiro test serio para saber se o goberno de coalición se consolida en Galicia e o PP perde posicións ou se, pola contra, Núñez Feijoo é quen de manter a presenza institucional – nos concellos e nas Deputacións provinciais – que o PP tiña con Fraga. Por outra banda, a evolución da negociación vai depender, en boa medida, do que o Tribunal Constitucional determine respecto da “constitucionalidade” ou non da definición de Cataluña como nación que se inclúe no preámbulo do Estatuto catalán (xa aprobado polo parlamento español e refrendado en referendo en Cataluña polos cidadáns). Por último, está a situación política estatal, que tan só se clarexará despois das vindeiras eleccións xerais (previstas para 2008). O resultado que obteñan nelas o PP e Mariano Rajoy, inclinará a posición negociadora de Núñez Feijoo en Galicia ou cara a intransixencia e o afastamento da reforma estatutaria ou cara a busca dun consenso co goberno de coalición da Xunta. As vindeiras eleccións autonómicas están previstas para 2009.

En conclusión, penso que o fracaso do proceso supón que se deixou pasar unha boa oportunidade, porque, unha vez máis, a “racionalidade” política primou os intereses partidarios (en especial no caso do PP) sobre a posibilidade de acadar un acordo de todos que puidera ser, tamén, bo para todos, e que puxera a Galicia no lugar que, na miña opinión, debe ocupar dentro do noso Estado plurinacional. A nosa constitución define a Galicia, xunto con Cataluña e o País Vasco, como unha das tres “nacionalidades históricas”. Con tódolos respectos para os murcianos ou os riojanos, Galicia, polas súas especificidades culturais, lingüísticas e mesmo históricas, non é Murcia ou La Rioja, o que non implica que estas comunidades teñan tamén os seus “feitos diferenciais”. En todo caso e, para min, máis importante aínda que a definición identitaria como nación, o futuro Estatuto de Autonomía de Galicia debe estar o nivel (de dereitos, de competencias, de investimentos estatais, de recursos financieiros...) que marca aquel Estatuto de Autonomía que se pode considerar como “de máximos”, é dicir, o de Cataluña. A responsabilidade está nas mans dos nosos representantes políticos, sí, pero tamén de nós, os galegos, como cidadáns con dereito a reclamar dereitos.

quarta-feira, 10 de janeiro de 2007

Noticias da Espanha. Panorama despois dunha bomba.

O pasado día 30 de decembro a organización terrorista ETA facía estoupar nunha sección do parking da Terminal 4 (T4) do aeroporto madrileño de Barajas, unha bomba con entre 200 e 500 Kgs dun tipo de explosivo aínda por determinar. Dúas persoas, dous traballadores inmigrantes (ecuatorianos) morrían por asfixia, atrapados e aplastados dentro dos seus vehículos baixo toneladas de ferros e de cemento.

O estalido do artefacto facía saltar tamén polos aires (alomenos en apariencia) o proceso de negociación/pacificación entablado entre a banda armada e o goberno de España, a partir da declaración polos terroristas, o pasado 22 de marzo de 2006, dunha tregua indefinida (a terceira deste tipo, despois das frustradas de 1989 e 1998, nas súas catro décadas de historia).

Nos seguintes parágrafos tratarei de explicar – na medida das miñas posibilidades como observador – cales foron os pasos máis importantes dados no “proceso de paz” entre o 22 de marzo e o 30 de decembro de 2006 e, sobre todo, valorarei cales son as súas posibles perspectivas de futuro, ou se, pola contra, o proceso está morto a estas alturas.

O anuncio dunha tregua indefinida por parte de ETA a finais de marzo do ano pasado, causou máis expectativas que nunca e, desencadeou, polo menos nas semanas e meses inmediatos, unha onda de optimismo no seo das opinións públicas vasca e española. Na explicación desta situación confluían varios factores:

1) A percepción da debilidade da banda terrorista (non causara vítimas mortais dende 2003) como consecuencia en parte da alta efectividade da estratexia policial franco – española; 2) O irreversible cansanzo das sociedades vasca e española, e o seu común rexeitamento, moi maioritario, tamén no País Vasco – mesmo entre sectores da esquerda abertxale - do recurso á violencia como mecanismo de acción política e, sobre todo, 3) A impresión de que dende marzo de 2004 se instalara en Madrid un novo goberno, o de José Luis Rodríguez Zapatero (PSOE), cunha meirande sensibilidade na comprensión da pluralidade nacional de España e das demandas de descentralización e autogoberno dos nacionalismos periféricos, tal e como quedaba demostrado cos debates en torno ós novos Estatutos de Autonomía, en especial, pero non só, no caso do catalán.

O goberno socialista demostrou entón que a súa aposta, fronte a outros períodos da nosa historia recente, polo parlamentarismo non era unha pose ou un farol, e consensuou na primavera co resto das forzas con representación nas Cortes unha declaración que establecía en que condicións o parlamento autorizaba ó goberno a levar iniciar un diálogo con ETA. A condición básica era a constatación polas forzas de seguridade do Estado da paralización de calquera tipo de actividade violenta por parte da banda, en especial, o fin da violencia callexeira (“Kale Borroka”) e da extorsión – chantaxe económica ós empresarios vascos (“Imposto revolucionario”). Tan só o Partido Popular (PP) rexeitou esta declaración, anticipando o que ten sido a súa actitude até hoxe, centrada na reivindicación da loita policial como única vía posible para poñer fin á ETA e á súa violencia, e na utilización do “proceso de paz”, da súa crítica e posta en dúbida permanentes, como un dos elementos chave da súa política de oposición, no que na miña opinión constitúe unha mostra de deslealdade para co goberno e a súa política antiterrorista (até o de agora considerada como unha “cuestión de Estado” á marxe da contenda política cotiá) que non se dera nunca antes en vintecinco anos de réxime democrático.

Finalmente, o 29 de xuño, o presidente do goberno anunciaba a verificación policial da paralización da actividade de ETA e informaba á opinión pública de que o goberno se dispuña a comezar un diálogo político e un proceso de negociación que sería “largo, duro y difícil”. Foi a partir de aquí, cando todo se comezou a torcer, en especial dende o mes de setembro.

Por un lado estaría, sobre todo, a actuación dos propios terroristas, cos periódicos comunicados de ETA a través do seu órgano de expresión “Zutabe”, así como as repetidas roldas de prensa dos dirixentes da ilegalizada formación política independentista “Batasuna”, nos que se insistía na situación de bloqueo no que se atopaba o proceso e se criticaba a non paralización polo goberno das actividades policiais e xudiciais respecto de membros e presos da organización; o roubo de 300 pistolas e fusís por ETA en outubro nunha armería do Sur de Francia; o reinicio da violencia callexeira (queima de mobiliario urbán, de caixas automáticas, de autobuses de transporte público)… A isto habería que unir a imposibilidade de obter un consenso pleno das forzas políticas democráticas en torno á actuación do goberno durante a tregua. O goberno do PSOE tentou novamente – consciente de que representa a uns dez millóns de votantes – incorporar ó Partido Popular ó proceso de paz. Só conseguiu deste a esixencia de que se volvera á política antiterrorista da anterior lexislatura – na que gobernaba o PP – de consenso entre as dúas grandes forzas políticas - PSOE e PP – arredor do chamado “Pacto Antiterrorista e polas Libertades”, unha fórmula – ultrapasada – que insiste fundamentalmente na loita policial e que exclúe da política antiterrorista ó resto de forzas políticas do Estado. Por último, habería que citar, entre os factores que semellaban conducir á crise, a tendencia á improvisación do noso actual goberno, e do seu presidente, fundamentada na práctica do optimismo como metodoloxía política. Ás veces semella que Rodríguiez Zapatero pensa que con crer que as cousas sairán ben, mesmo en asuntos tan complexos como é este, abonda. É como se para el houbera un círculo virtuoso do optimismo que todo o arranxa. O día antes do atentado de ETA declarou que consideraba que “en un año estaremos mejor que hoy”. Na súa primeira declaración trala bomba tivo que admitir que “hoy estamos peor que ayer”.

Foi así como chegamos ás nove da mañá do día 30 de decembro, a hora do estoupido da bomba na T4 de Barajas. O atentado sorprendeu a todos: o goberno español, o goberno e ós partidos democráticos vascos e mesmo ó propio nacionalismo independentista vasco (esquerda abertxale). Dá a sensación de que ETA pretendía – equivocadamente unha vez máis – meter presión ó goberno para acelerar o proceso, ó tempo que intimidaba á opinión pública e lembrábanos a todos a súa capacidade operativa. É posible que – como ten dito no seu derradeiro comunicado – non pretendera causar vítimas mortais, pero a súa tendencia a megalomanía e a elección dun obxectivo civil tan simbólico como é a T4 de Barajas perdeu ós terroristas, de cuxa palabra, por certo, tampouco nos podemos fiar. Nembargantes, este tipo de atentado intimidatorio, no medio dun proceso de paz, remite en algo ós cometidos polo IRA a mediados dos anos noventa en puntos do corazón financierio de Londres como a City ou Canary Wharf.

A reacción do goberno foi, cando menos, confusa ou poco hábil. O presidente, nunha intervención ambigua na tarde do mesmo día 30, declaraba o proceso “suspendido” namentres non se verificara a paralización total da violencia etarra. Ó tempo, responsabilizaba á organización terrorista do fracaso do proceso e insistía na grave equivocación que este feito supuña. A presión de certos sectores da opinión pública e do Partido Popular (PP) levou, ós poucos días, ó Ministro do Interior, Alfredo Pérez Rubalcaba, a afirmar que o proceso estaba “roto y liquidado” e a endurecer a postura do goberno no sentido (aparente) de dar o proceso por finalizado. Mesmo agromaron unhas primeiras autocríticas gubernamentais respecto de posibles fallos de comunicación e de información na interlocución coa banda, que apenas comezara a dúas semanas antes do atentado de Barajas.

¿Que pode acontecer de agora en adiante? ¿Esta o proceso definitivamente roto? ¿Non debe este goberno seguilo intentando? ¿Hai que volver a unha política antiterrotista meramente policial?

É difícil predecir cal vai ser o futuro inmediato da estratexia antiterrorista do goberno ou a evolución do proceso en si mesmo (cara ó esgotamento definitivo ou cara a unha dinamización).

Particularmente, dáme a impresión de que Rodríguez Zapatero, Pérez Rubalcaba e o resto do goberno desexan continuar co proceso, como dá a entender a inicial proclama de “suspender” (temporalmente) que non romper (definitivamente) o diálogo. Na miña opinión sería unha escolla correcta. Os últimos trinta anos serviron para demostrar que unha resolución do problema pola vía policial en exclusiva é inviable. Nembargantes, as cousas non poden ser xa exactamente iguais que antes do día 30 de decembro. O goberno debe aproveitar na negociación a perda de lexitimidade, e a debilidade, dunha das partes implicadas (ETA) despois da bomba do día 30 para fortalecer a súa posición e a do conxunto dos sectores demócratas do país. Quizais a chave esté na capacidade de presión que forzas como o Partido Socialista de Euskadi (PSE) ou o Partido Nacionalista Vasco (PNV), así como os gobernos autonómico vasco e central español teñan sobre a “esquerda abertxale” (Batasuna) para convencer ós dirixentes desta, da necesidade de emanciparse dunha vez por todas da tutela e da coacción da propia ETA e adquirir un papel moi relevante no proceso de negociación política. Arnaldo Otegui, a figura máis visible do nacionalismo independentista vasco, ergueuse un día, mirouse ó espello e pensou que ía ser a reencarnación de Gerry Adams en Euskadi. Polo momento, non foi quen de pasar de obediente chico dos recados da propia organización terrorista.

Por último, o goberno de Rodríguez Zapatero ten que cambiar en algo a súa actitude. O atentado podería chegar a ter unha consecuencia (a única) positiva. Poñelo diante da percepción do grao de dificultades reais dun proceso de paz desta natureza. Pero tamén cómprelle superar a súa apariencia dubitativa e amosar con claridade que o respecto polas normas do Estado de dereito e a firmeza na dimensión policial da loita antiterrorista non son en si mesmos incompatibles cunha negociación política cos terroristas. Por último, está obrigado a involucrar e facer máis participativas no proceso (aínda que sen comprometer a operatividade e a discreción precisas para o mesmo) ó resto de forzas políticas. É preciso facer comprender a tódolos partidos políticos (aínda que o PP non quera nin oír falar do asunto) que a resolución do problema vasco incúmbenos a todos como sociedade, de aí a importancia dunha posición consensuada e sen fisuras do conxunto dos demócratas españois que permita encarar unha negociación “larga, dura y difícil” porque, como ven de dicir o propio Rodríguez Zapatero: “el terrorismo es el único problema realmente grave de nuestra democracia”.