Ás doce da mañá de onte (10 de maio) inaugurouse en Santiago de Compostela un espazo público adicado á memoria do cantor luso José Afonso. Trátase dun pequeno parque (Parque José Afonso), ubicado nun lateral do edificio do Auditorio de Galicia, no Campus norte da Universidade.
Os promotores desta iniciativa, un grupo de amig@s galeg@s do cantor, fixeron coincidir o acto de inauguración co trixésimo sétimo aniversario dunha actuación do Zeca Afonso en Compostela, un recital celebrado no edificio (hoxe desaparecido) que albergou no seu día o vello Burgo das Nacións e que hoxe é a sé do Auditorio. Segundo os organizadores, esa foi a primeira ocasión na que Zeca Afonso interpretou en público "Grândola, vila morena".
A homenaxe a Zeca Afonso foi promovida polos seus amig@s galeg@s a través de diversos medios, entre eles a internet, acadando un total de 3.000 sinaturas procedentes de diversos puntos do planeta... Posteriormente, o pleno do Concello de Santiago deu curso legal á iniciativa. Persoalmente, podo dicir que tiven a satisfacción de poder asinar...
O último verán, visitando Grândola cuns bos amigos portugueses, comentáronnos que a idea de compoñer "Grândola, vila morena" partira dunha actuación do Zeca Afonso nunha sociedade musical da vila no mesmo 1972... Se algún ou algunha de vós pode comentar algo ó respecto, e aportar máis información... agradeceríavolo...


