terça-feira, 23 de janeiro de 2007

Dende Galicia. Sen Estatuto de nación.

Dende a primeira coalición electoral do goberno tripartito catalán – aló polo outono de 2003 – a reforma dos Estatutos de Autonomía pasou a ser un tema central da axenda política en España. Tamén en Galicia, onde diversos proxectos e rascuños de reforma estatutaria, presentados polo Bloque Nacionalista Galego – BNG – e polo Partido Socialista de Galicia – PSdG – PSOE – viron a luz. Pola súa parte, o daquela gobernante Partido Popular (PP) amosou un claro desinterese polo asunto e mesmo fechou as portas ós primeiros pasos da reforma lexislativa.

As disputadísmas eleccións autonómicas de xuño de 2005 (37 deputados o PP, 25 o PSdG e 13 o BNG) mudaron de vez o panorama político galego e deron lugar a unha nova maioría, PSdG – BNG, tras dezaséis anos ininterrompidos de goberno da dereita na persoa de Manuel Fraga. O novo Estatuto pasou a ser un tema central no debate político galaico, aínda que, a diferencia do que aconteceu en Cataluña, sen ocupar por completo a vida pública e sen ocultar a acción de goberno ou moitos outros debates políticos de relevancia (política forestal e incendios, política urbanística...) .

Despois de ano e medio de tiras e afrouxas, de intensas negociacións no seo da ponencia parlamentaria do Estatuto, de entrevistas persoais entre os líderes das tres forzas políticas galegas, o pasado mércores 17 de xaneiro chegouse a un desenlace, do que aínda non sabemos se será só unha “parada técnica” ou un bloqueo a longo prazo. Os tres líderes políticos galegos (o socialista E. Pérez Touriño – presidente da Xunta de Galicia - o nacionalista Anxo Quintana e o “popular” Alberto Núñez Feijoo) foron incapaces de acadar un acordo na xa denominada como “Xuntanza do Monte Pío”, a residencia oficial do presidente da Xunta de Galicia. Os tres, aparte de botarse as culpas reciprocamente (en especial os socios de goberno ó PP e viceversa) só coincidiron na terminoloxía futbolística empregada para xustificar o fracaso das negociacións: “non puido ser” en troques do que tería sido máis axeitado: “fumos incapaces”.

¿Cáles son os principais puntos de desencontro, de polémica, xenerados polo novo proxecto de Estatuto? En principio, poderían reducirse a catro ou cinco: o financiamento, os investimentos do Estado en Galicia nos vindeiros dez anos, a reforma da Lei Electoral, o status da lingua galega e a definición identitaria de Galicia no preámbulo desta nova Lei Orgánica do Estado que sería o novo Estatuto.

As diferencias en financiamento e en investimentos infraestructurais parecen salvables. Os tres grupos están de acordo en que o Estado español deberá investir en Galicia en torno a un 8% dos seus orzamentos nos vindeiros dez anos, en especial para correxir os nosos déficits infraestructurais. Tamén é factible un acordo en canto á porcentaxe que ingresará a facenda galega en concepto de IVE e doutros impostos indirectos. A reforma da Lei Electoral semella un escollo máis difícil de salvar, no que as proxeccións demográficas e as súas consecuencias políticas xogan un papel determinante. A idea é que o Estatuto fixe, por consenso, a representatividade proporcional (en deputados) de cada provincia e, deste xeito, non se poida (como até de agora) modificar a lei pola vía das maiorías parlamentarias. A actual coalición de goberno (PSdG – BNG) pretende reducir, seguindo criterios de proporcionalidade demográfica na representación política, o peso electoral das dúas provincias do interior (Lugo e Ourense), dende hai medio século en caída libre en canto ó seu peso demográfico e dinamismo económico, e fortemente avellentadas. Nas dúas, o PP é o claro dominador da escea política. Os populares opóñense, xa que logo, a unha reforma da lei neste sentido (polo demais, na miña opinión, bastante razoable) e pretenden fixar no novo Estatuto que as modificacións futuras da lei electoral galega só se poidan realizar polo acordo dos 3/5 do parlamento. É dicir, queren contar con posibilidade de veto.

Nembargantes, o núcleo das desavinzas entre o goberno de coalición e o PP e, nalgunhas ocasións, entre os dous socios de goberno (PSdG – BNG), estivo na definición identitaria de Galicia. O artigo primeiro do proxecto de Estatuto que se negociou definía a Galicia como unha “nacionalidade histórica” que, no marco da constitución española, se constitúe en Comunidade Autónoma. Aquí non houbo problema. As dificultades chegaron no texto do preámbulo. O PP non acepta, de ningún xeito, a posibilidade de que Galicia poida ser conceptuada como nación, e propuxo “alternativas” para a súa definición como: “Rexión histórica do mundo occidental” (que para min ten un non sei que de reminiscencias da linguaxe franquista) ou, como máximo, estaría disposto a recoñecer que, certos galegos – os nacionalistas – representan en Galicia a “manifestación dun sentimento nacional”. O BNG, pola súa banda, partindo de posicións maximalistas e, en principio, irrenunciables, dada a súa propia natureza ideolóxica, non aceptaba unha rebaixa do termo “nación”, aínda que, a responsabilidade de formar parte do goberno e a necesidade de chegar a un acordo fíxoo ir cedendo nas súas pretensións. Por fin, o PSdG, un partido que non é nacionalista (a diferencia do seu homónimo catalán) pero que goberna en coalición cos nacionalistas galegos e se move no marco de reforma territorial pulada polo propio J.L. Rodríguez Zapatero, viuse obrigado a facer permanentes equilibros e decantouse por fórmulas indirectas como “nazón de Breogán” (recollida no himno oficial) ou outras semellantes.

A proposta definitiva do presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, na xuntanza do pasado mércores foi, interpretando á actual Lei de Símbolos de Galicia (aprobada en 1984 por unanimidade do parlamento), definir a Galicia como “fogar e nación común de tódolos galegos”. Semella que o BNG tería aceptado esta definición. O PP non o fixo alegando que o desexo de que Galicia sexa recoñecida legalmente como nación é tan só unha manifestación das pretensión do BNG (que conta cun 20% dos votos no parlamento), e asegurando que eles non poderían traicionar ós seus 750.000 votantes para os que, eles así os interpretan, nin Galicia é unha nación nin unha parte moi importante dos galegos (os que lles votan) queren que o sexa. O argumento podería parecer razoable e, dende logo, é politicamente impecable.

Estas intepretacións diverxentes explicarían que o proxecto de novo Estatuto esté agora na nevera. Pero hai outras razóns máis de fondo que explican a situación actual. En primeiro lugar, o clima de fortísima crispación política que se vive en España, cunha liorta permanente e sen respiro entre oposición e goberno, que xira en torno do modelo e das prácticas da política antiterrorista do goberno de Rodríguez Zapatero. En segundo lugar, penso que o líder da oposición en Galicia, A. Núñez Feijoo, xogou a empregar a negociación do Estatuto como un posible mecanismo de desgaste do goberno galego, tratando de forzar un acordo estatutario PP – PSdG que deixara á marxe ós nacionalistas galegos e fixese, como colofón, saltar polos aires ó goberno de coalición entre socialistas e nacionalistas. En conclusión, a diferencia das sensación que o líder “popular” transmitía nos comezos do proceso (a vontade de acadar a un acordo) dá a impresión de que chegou á derradeira etapa negociadora sen ningunha intención de lograr un texto consensuado que, por outra parte, temía que puidese ser capitalizado politicamente pola coalición de goberno.
¿Cales son as perspectivas de futuro do novo Estatuto? ¿Está definitivamente morto e haberá que empezar de cero, como di o BNG, ou estamos, como manifestan dende o “PP”, no “descanso do partido”?

Semella que haberá novos episodios. Ou iso agardamos da responsabilidade dos nosos políticos (alomenos por unha vez). Galicia non se pode permitir quedar á marxe do proceso. Cataluña, Andalucía, Valencia, Baleares, Aragón… ou xa teñen aprobado polas Cortes do Estado o seu Estatuto ou están en vías de telo. Que se retomen as negociacións vai depender dos propios acontecementos políticos, tanto en Galicia como no conxunto de España. En maio haberá eleccións municipais. Servirán como o primeiro test serio para saber se o goberno de coalición se consolida en Galicia e o PP perde posicións ou se, pola contra, Núñez Feijoo é quen de manter a presenza institucional – nos concellos e nas Deputacións provinciais – que o PP tiña con Fraga. Por outra banda, a evolución da negociación vai depender, en boa medida, do que o Tribunal Constitucional determine respecto da “constitucionalidade” ou non da definición de Cataluña como nación que se inclúe no preámbulo do Estatuto catalán (xa aprobado polo parlamento español e refrendado en referendo en Cataluña polos cidadáns). Por último, está a situación política estatal, que tan só se clarexará despois das vindeiras eleccións xerais (previstas para 2008). O resultado que obteñan nelas o PP e Mariano Rajoy, inclinará a posición negociadora de Núñez Feijoo en Galicia ou cara a intransixencia e o afastamento da reforma estatutaria ou cara a busca dun consenso co goberno de coalición da Xunta. As vindeiras eleccións autonómicas están previstas para 2009.

En conclusión, penso que o fracaso do proceso supón que se deixou pasar unha boa oportunidade, porque, unha vez máis, a “racionalidade” política primou os intereses partidarios (en especial no caso do PP) sobre a posibilidade de acadar un acordo de todos que puidera ser, tamén, bo para todos, e que puxera a Galicia no lugar que, na miña opinión, debe ocupar dentro do noso Estado plurinacional. A nosa constitución define a Galicia, xunto con Cataluña e o País Vasco, como unha das tres “nacionalidades históricas”. Con tódolos respectos para os murcianos ou os riojanos, Galicia, polas súas especificidades culturais, lingüísticas e mesmo históricas, non é Murcia ou La Rioja, o que non implica que estas comunidades teñan tamén os seus “feitos diferenciais”. En todo caso e, para min, máis importante aínda que a definición identitaria como nación, o futuro Estatuto de Autonomía de Galicia debe estar o nivel (de dereitos, de competencias, de investimentos estatais, de recursos financieiros...) que marca aquel Estatuto de Autonomía que se pode considerar como “de máximos”, é dicir, o de Cataluña. A responsabilidade está nas mans dos nosos representantes políticos, sí, pero tamén de nós, os galegos, como cidadáns con dereito a reclamar dereitos.

1 comments:

Daniel Melo disse...

Olá Daniel!
Acho muito pertinentes estes teus posts de balanço de debates políticos centrais da sociedade espanhola.
Quanto à nação galega em concreto, ponho a seguinte hipótese: não será que o facto da Galiza ter (até agora) um dos eleitorados mais conservadores pode estar a influir no sentido do imobilismo?
Mutatis mutandis, nós cá temos um caso similar, com o referendo do aborto.
Do teu homónimo e secreto admirador.