O pasado día 30 de decembro a organización terrorista ETA facía estoupar nunha sección do parking da Terminal 4 (T4) do aeroporto madrileño de Barajas, unha bomba con entre 200 e 500 Kgs dun tipo de explosivo aínda por determinar. Dúas persoas, dous traballadores inmigrantes (ecuatorianos) morrían por asfixia, atrapados e aplastados dentro dos seus vehículos baixo toneladas de ferros e de cemento.
O estalido do artefacto facía saltar tamén polos aires (alomenos en apariencia) o proceso de negociación/pacificación entablado entre a banda armada e o goberno de España, a partir da declaración polos terroristas, o pasado 22 de marzo de 2006, dunha tregua indefinida (a terceira deste tipo, despois das frustradas de 1989 e 1998, nas súas catro décadas de historia).
Nos seguintes parágrafos tratarei de explicar – na medida das miñas posibilidades como observador – cales foron os pasos máis importantes dados no “proceso de paz” entre o 22 de marzo e o 30 de decembro de 2006 e, sobre todo, valorarei cales son as súas posibles perspectivas de futuro, ou se, pola contra, o proceso está morto a estas alturas.
O anuncio dunha tregua indefinida por parte de ETA a finais de marzo do ano pasado, causou máis expectativas que nunca e, desencadeou, polo menos nas semanas e meses inmediatos, unha onda de optimismo no seo das opinións públicas vasca e española. Na explicación desta situación confluían varios factores:
1) A percepción da debilidade da banda terrorista (non causara vítimas mortais dende 2003) como consecuencia en parte da alta efectividade da estratexia policial franco – española; 2) O irreversible cansanzo das sociedades vasca e española, e o seu común rexeitamento, moi maioritario, tamén no País Vasco – mesmo entre sectores da esquerda abertxale - do recurso á violencia como mecanismo de acción política e, sobre todo, 3) A impresión de que dende marzo de 2004 se instalara en Madrid un novo goberno, o de José Luis Rodríguez Zapatero (PSOE), cunha meirande sensibilidade na comprensión da pluralidade nacional de España e das demandas de descentralización e autogoberno dos nacionalismos periféricos, tal e como quedaba demostrado cos debates en torno ós novos Estatutos de Autonomía, en especial, pero non só, no caso do catalán.
O goberno socialista demostrou entón que a súa aposta, fronte a outros períodos da nosa historia recente, polo parlamentarismo non era unha pose ou un farol, e consensuou na primavera co resto das forzas con representación nas Cortes unha declaración que establecía en que condicións o parlamento autorizaba ó goberno a levar iniciar un diálogo con ETA. A condición básica era a constatación polas forzas de seguridade do Estado da paralización de calquera tipo de actividade violenta por parte da banda, en especial, o fin da violencia callexeira (“Kale Borroka”) e da extorsión – chantaxe económica ós empresarios vascos (“Imposto revolucionario”). Tan só o Partido Popular (PP) rexeitou esta declaración, anticipando o que ten sido a súa actitude até hoxe, centrada na reivindicación da loita policial como única vía posible para poñer fin á ETA e á súa violencia, e na utilización do “proceso de paz”, da súa crítica e posta en dúbida permanentes, como un dos elementos chave da súa política de oposición, no que na miña opinión constitúe unha mostra de deslealdade para co goberno e a súa política antiterrorista (até o de agora considerada como unha “cuestión de Estado” á marxe da contenda política cotiá) que non se dera nunca antes en vintecinco anos de réxime democrático.
Finalmente, o 29 de xuño, o presidente do goberno anunciaba a verificación policial da paralización da actividade de ETA e informaba á opinión pública de que o goberno se dispuña a comezar un diálogo político e un proceso de negociación que sería “largo, duro y difícil”. Foi a partir de aquí, cando todo se comezou a torcer, en especial dende o mes de setembro.
Por un lado estaría, sobre todo, a actuación dos propios terroristas, cos periódicos comunicados de ETA a través do seu órgano de expresión “Zutabe”, así como as repetidas roldas de prensa dos dirixentes da ilegalizada formación política independentista “Batasuna”, nos que se insistía na situación de bloqueo no que se atopaba o proceso e se criticaba a non paralización polo goberno das actividades policiais e xudiciais respecto de membros e presos da organización; o roubo de 300 pistolas e fusís por ETA en outubro nunha armería do Sur de Francia; o reinicio da violencia callexeira (queima de mobiliario urbán, de caixas automáticas, de autobuses de transporte público)… A isto habería que unir a imposibilidade de obter un consenso pleno das forzas políticas democráticas en torno á actuación do goberno durante a tregua. O goberno do PSOE tentou novamente – consciente de que representa a uns dez millóns de votantes – incorporar ó Partido Popular ó proceso de paz. Só conseguiu deste a esixencia de que se volvera á política antiterrorista da anterior lexislatura – na que gobernaba o PP – de consenso entre as dúas grandes forzas políticas - PSOE e PP – arredor do chamado “Pacto Antiterrorista e polas Libertades”, unha fórmula – ultrapasada – que insiste fundamentalmente na loita policial e que exclúe da política antiterrorista ó resto de forzas políticas do Estado. Por último, habería que citar, entre os factores que semellaban conducir á crise, a tendencia á improvisación do noso actual goberno, e do seu presidente, fundamentada na práctica do optimismo como metodoloxía política. Ás veces semella que Rodríguiez Zapatero pensa que con crer que as cousas sairán ben, mesmo en asuntos tan complexos como é este, abonda. É como se para el houbera un círculo virtuoso do optimismo que todo o arranxa. O día antes do atentado de ETA declarou que consideraba que “en un año estaremos mejor que hoy”. Na súa primeira declaración trala bomba tivo que admitir que “hoy estamos peor que ayer”.
Foi así como chegamos ás nove da mañá do día 30 de decembro, a hora do estoupido da bomba na T4 de Barajas. O atentado sorprendeu a todos: o goberno español, o goberno e ós partidos democráticos vascos e mesmo ó propio nacionalismo independentista vasco (esquerda abertxale). Dá a sensación de que ETA pretendía – equivocadamente unha vez máis – meter presión ó goberno para acelerar o proceso, ó tempo que intimidaba á opinión pública e lembrábanos a todos a súa capacidade operativa. É posible que – como ten dito no seu derradeiro comunicado – non pretendera causar vítimas mortais, pero a súa tendencia a megalomanía e a elección dun obxectivo civil tan simbólico como é a T4 de Barajas perdeu ós terroristas, de cuxa palabra, por certo, tampouco nos podemos fiar. Nembargantes, este tipo de atentado intimidatorio, no medio dun proceso de paz, remite en algo ós cometidos polo IRA a mediados dos anos noventa en puntos do corazón financierio de Londres como a City ou Canary Wharf.
A reacción do goberno foi, cando menos, confusa ou poco hábil. O presidente, nunha intervención ambigua na tarde do mesmo día 30, declaraba o proceso “suspendido” namentres non se verificara a paralización total da violencia etarra. Ó tempo, responsabilizaba á organización terrorista do fracaso do proceso e insistía na grave equivocación que este feito supuña. A presión de certos sectores da opinión pública e do Partido Popular (PP) levou, ós poucos días, ó Ministro do Interior, Alfredo Pérez Rubalcaba, a afirmar que o proceso estaba “roto y liquidado” e a endurecer a postura do goberno no sentido (aparente) de dar o proceso por finalizado. Mesmo agromaron unhas primeiras autocríticas gubernamentais respecto de posibles fallos de comunicación e de información na interlocución coa banda, que apenas comezara a dúas semanas antes do atentado de Barajas.
¿Que pode acontecer de agora en adiante? ¿Esta o proceso definitivamente roto? ¿Non debe este goberno seguilo intentando? ¿Hai que volver a unha política antiterrotista meramente policial?
É difícil predecir cal vai ser o futuro inmediato da estratexia antiterrorista do goberno ou a evolución do proceso en si mesmo (cara ó esgotamento definitivo ou cara a unha dinamización).
Particularmente, dáme a impresión de que Rodríguez Zapatero, Pérez Rubalcaba e o resto do goberno desexan continuar co proceso, como dá a entender a inicial proclama de “suspender” (temporalmente) que non romper (definitivamente) o diálogo. Na miña opinión sería unha escolla correcta. Os últimos trinta anos serviron para demostrar que unha resolución do problema pola vía policial en exclusiva é inviable. Nembargantes, as cousas non poden ser xa exactamente iguais que antes do día 30 de decembro. O goberno debe aproveitar na negociación a perda de lexitimidade, e a debilidade, dunha das partes implicadas (ETA) despois da bomba do día 30 para fortalecer a súa posición e a do conxunto dos sectores demócratas do país. Quizais a chave esté na capacidade de presión que forzas como o Partido Socialista de Euskadi (PSE) ou o Partido Nacionalista Vasco (PNV), así como os gobernos autonómico vasco e central español teñan sobre a “esquerda abertxale” (Batasuna) para convencer ós dirixentes desta, da necesidade de emanciparse dunha vez por todas da tutela e da coacción da propia ETA e adquirir un papel moi relevante no proceso de negociación política. Arnaldo Otegui, a figura máis visible do nacionalismo independentista vasco, ergueuse un día, mirouse ó espello e pensou que ía ser a reencarnación de Gerry Adams en Euskadi. Polo momento, non foi quen de pasar de obediente chico dos recados da propia organización terrorista.
Por último, o goberno de Rodríguez Zapatero ten que cambiar en algo a súa actitude. O atentado podería chegar a ter unha consecuencia (a única) positiva. Poñelo diante da percepción do grao de dificultades reais dun proceso de paz desta natureza. Pero tamén cómprelle superar a súa apariencia dubitativa e amosar con claridade que o respecto polas normas do Estado de dereito e a firmeza na dimensión policial da loita antiterrorista non son en si mesmos incompatibles cunha negociación política cos terroristas. Por último, está obrigado a involucrar e facer máis participativas no proceso (aínda que sen comprometer a operatividade e a discreción precisas para o mesmo) ó resto de forzas políticas. É preciso facer comprender a tódolos partidos políticos (aínda que o PP non quera nin oír falar do asunto) que a resolución do problema vasco incúmbenos a todos como sociedade, de aí a importancia dunha posición consensuada e sen fisuras do conxunto dos demócratas españois que permita encarar unha negociación “larga, dura y difícil” porque, como ven de dicir o propio Rodríguez Zapatero: “el terrorismo es el único problema realmente grave de nuestra democracia”.
4 comments:
Meu caro Daniel, a dada altura do teu texto escreves: "Particularmente, dáme a impresión de que Rodríguez Zapatero, Pérez Rubalcaba e o resto do goberno desexan continuar co proceso, como dá a entender a inicial proclama de “suspender” (temporalmente) que non romper (definitivamente) o diálogo. Na miña opinión sería unha escolla correcta." E depois acrescentas: "Os últimos trinta anos serviron para demostrar que unha resolución do problema pola vía policial en exclusiva é inviable." Não te parecem demonstar os últimos 30 anos que o problema do terrorismo da ETA pode não ter, também, uma solução negociada, apesar de já tentada por vários governos democráticos espanhóis? Ou diria ainda mais. Que o problama do terrorismo da ETA poderá não ter nunca qualquer solução, ao menos daquelas que nós hoje, ou há trinta anos, somos capazes de perspectivar? Porque razão hão de ter todos os problemas uma solução? Há problemas que não se resolvem. Às vezes mais vale deixá-los correr e tantar minimizar os seus efeitos.
Prezado Fernando, por suposto que non tódolos problemas teñen a súa solución, non admitir esta posibilidade - tamén no caso do conflito do País Vasco - sería o producto dun idealismo inxenuo (por non dicir estúpido). Nembargantes, neste caso non comparto a túa opinión que, polo demais, paréceme desazonadoramente pesimista. Na miña perspectiva, non creo que se poida "deixar correr" o problema e "tentar minimizar os seus efeitos", en especial cando eses efeitos chegan nos últimos 40 anos á cifra de 820 mortos. Por iso, os gobernos e as sociedades civís teñen a obriga moral de tentalo SEMPRE por mínimas que poidan semellar as posibilidades de éxito e irreconciliables que parezan os puntos de partida de cada unha das partes enfrontadas. E creo que hai varias razóns (se quixeras "percepcións") que nos conducen a moitos a pensar que é un momento óptimo para intentalo en serio. O atentado do día 30 de decembro foi, na miña opinión, unha manifestación máis da debilidade e do nerviosismo estremos que predominan hoxe no interior da ETA. Os memnbros da banda estaban e están inquedos porque o proceso ía lento, non avanzaba, porque o goberno non tiña presas ou urxencias no desenvolvemento da negociación e non facía cesións significativas.En realidade é moi posible que o único que este goberno esté disposto a negociar con ETA é cal vai ser a situación futura dos presos etarras e cales as condicións da súa reinserción na sociedade, é dicir, en qué condicións se podería realizar un proceso de amnistía dos presos e, sobre todo, en que situación quedarán aqueles que teñan delictos de sangue. O resto de aspiracións do independentismo vasco terán que ser defendidas con normalidade nas institucións políticas tanto do País Vasco como do conxunto do Estado, como se leva facendo,por certo dende hai bastante anos, con normalidade.
Uma coisa que me intriga é porque é que nunca foi tentado um referendo no País Basco.
Bem sei que há um diferendo sobre qual o território a abarcar, mas que diabo, devia-se tentar um consenso e dar a palavra aos cidadãos.
Com apoio da União Europeia, ou mesmo da ONU, porque não assumir a dificuldade do problema?
Duma vez por todas, senão isto não terá fim.
A Constitução não permite que se faça esse referendo. A questão é saber se não houvesse terrorismo se teria sido possível rever a Constituição e realizar tal referendo.
Enviar um comentário