sexta-feira, 28 de setembro de 2007

Miguel Torga e o substrato común da fantasía literaria nos dous? lados da "Raia"




Creo que foi aló polo terceiro ano do ensino secundario no Instituto San Tomé de Freixeiro de Vigo (Galiza), no hoxe para min lonxanísimo curso académico de 1992/1993. Foi entón cando os alumnos/as da asignatura de Lingua Galega coñecemos ó Miguel Torga. O bendito “culpable” daquel descobrimento foi un profesor chamado Miguel Doiro, que se debatía entre unha decidida paixón pola literatura (que ás veces conseguía transmitirnos) e a certeza da desolación de ter que lidiar a diario cun grupo de alumnos e alumnas incapaces de pensar máis aló do que “quererían” facer na tarde – noite do sábado seguinte. Pois si, Miguel Doiro decidiu aquel ano que Bichos de Miguel Torga había ser un dos libros de lectura obrigatoria (as peores das lecturas posibles) dun trimestre. Se non lembro mal, el chegara a Torga a través dun amigo xornalista e escritor, nin máis nin menos que o Manuel Rivas, co que compartía por entón esforzados traballos nunha organización que pelexaba pola normalización lingüística do galego (todo un “paradoxo habitual” isto de ter que normalizar uhna lingua no seu propio territorio de orixe. ¡Cousas de Galiza e de galegos!).



Teño unha memoria moi difusa de Bichos, non sei ben, algo así como de relatos que remitían a fábulas e contos populares (supoño que trasmontanos). Tamén paréceme lembrar que o libro (en realidade unhas fotocopias) que manexabamos daquela, estaba ilustrado, isto non o sei con seguridade, polo propio autor. En todo caso, recordo que me gustara moito e que estimulara as miñas adormecidas conexións neuronais e, sobre todo, que os seus relatos tiñan para nós algo de “familiaridade” ou, cando menos, non nos resultaban alleos. Non volvín ler a Miguel Torga, mágoa, mais varios bos amigos lusos faláronme nos últimos tempos tanto da súa obra, en particular dos seus Contos da Montanha, como do seu activismo político como opositor ó Estado Novo.



Este verán volvínme atopar co poeta e narrador de Sao Martinho de Anta. Foi o día 22 de agosto nas páxinas da edición galega de EL PAÍS, nunha noticia redactada por Daniel Salgado na que se informaba sobre unha exposición colectiva de caricaturas na Casa da Xuventude de Ourense co galo de conmemorar o centenario do nacemento do médico Adolfo Correia Rocha (Miguel Torga no universo do negro sobre branco). O máis estimulante da nota eran os comentarios e reflexións de Manuel Rivas sobre Miguel Torga e sobre a escasa presenza do tan próximo (xeográfica e culturalmente falando) Sur de Galiza na obra do escritor trasmontano. Para Rivas, facendo unha brincadeira: “Torga non tiña que falar de Galiza (…) porque en realidade el era galego, galego da fronteira” ou (máis interesante): “Entre Torga e algúns escritores galegos, máis que influencias, hai unha materia matricial, un polen, común (…) esa mestura de sutileza e de dureza como a propia torga (xesta en galego), dos ‘Contos da Montanha’ ou dos ‘Novos Contos da Montanha’ actúa do mesmo xeito en ‘Dos Arquivos do Trasno’ de Rafael Dieste ou en ‘Os Biosbardos’ de Eduardo Blanco Amor”.

1 comments:

Zèd disse...

Muito interessante, não fazia ideia que havia quem apreciasse Torga do outro lado da Raia. Mas pensando bem faz todo o sentido, de um lado como do outro os universos são muito próximos, ambos se podem identificar com os contos da montanha.