quarta-feira, 13 de fevereiro de 2008

Galiza, os galegos e a súa cultura. Visións e experiencias dende o Portugal de hoxe

Varias semanas atrás tratouse neste blog - por Daniel Melo - da exposición, organizada e promovida polo Consello da Cultura Galega (CCG), “O sorriso de Daniel” que se pode visitar aínda (até o día 15) na Reitoría da Universidade Nova de Lisboa (UNL) en Campolide.
Quixera aproveitar para informarvos de que mañá, quinta feira 14 de fevereiro, vai ter lugar un acto, a medio camiño entre o académico e o informal, complementario da referida exposición. Trátase da celebración dunha mesa redonda ou de debate arredor do tema: Galiza, os galegos e a súa cultura. Visións e experiencias dende o Portugal de hoxe.
Esta actividade desenvolverase a partir das 18h30’ de mañá no Auditorio da sé lisboeta do Instituto Cervantes (Rúa de Santa Marta 43B) e no mesmo participarán a Professora e lingüista da Faculdade de Letras da UL Rita Marquilhas; o antropólogo do ISCTE António Medeiros e D. Constantino Costal, empresario portugués de orixe galega, actual presidente da Assambleia Geral da Xuventude de Galicia/Centro Galego de Lisboa.
As experiencias vitais, culturais, asociativas e laborais do importante continxente de emigrantes galegos en Lisboa durante a primeira metade do século XX; as percepción políticas e culturais que dende Galiza se teñen de Portugal (e viceversa); ou a orixe común das linguas galega e portuguesa e o seu proceso histórico de diferenciación ortográfica, serán algúns dos temas que conformarán un debate que ten a intención de abrir a participación o máximo posible ás persoas que estean interesadas en asistir.
Portugal é un referente central para certos discursos políticos e culturais – procedentes xa de finais do século XIX – do nacionalismo galego actual. Tamén a fonte de algúns tópicos e prexuízos etnocéntricos fortemente arraigados na Galiza… Que significa Galiza e o feito cultural galego hoxe para os portugueses? Ten unha connotación distinta para os portugueses do Minho e para os do Sur do país? Disólvese a imaxe que os portugueses teñen de Galiza na que manexan con respecto do Estado español?
Para debater sobre estas cuestións e aquelas outras que puideran xurdirnos, teño o pracer de convidarvos a todos/todas á devandita mesa redonda, que terei a honra de moderar. Eu, cando menos, agardo aprender moitas cousas.

0 comments: