quinta-feira, 21 de junho de 2007

Atención Perigo!! Conmemoradores soltos.




No seu excelente ensaio “Memoria del mal, tentación del bien” (Editorial Península, Barcelona, 2002), o filósofo, historiador e crítico literario búlgaro Tzvetan Todorov diferencia e ailla alomenos tres grandes tipos de discursos do pasado no presente: o da testemuña, o do historiador e o do conmemorador. Para Todorov o “conmemorador” produce o seu discurso no espacio público e o presenta como dotado dunha irrefutable verdade.
A conmemoración, a diferencia da historia, simplifica o noso coñecemento do pasado, tendo como obxectivo fornecernos de figuras e ídolos ós que venerar e de inmigos ós que aborrecer. A conmemoración ten un dos seus lugares preferentes nos medios de comunicación e, xornalistas e políticos (de tódolos niveis), téñense erixido nos “grandes conmemoradores” e nos grandes interesados na conmemoración do noso tempo. A conmemoración, resume o intelectual búlgaro é: “a adaptación do pasado ás necesidades do presente”.



Esta referencia introductoria ó pensamento de Todorov cobra sentido neste texto á vista da onda conmemorativa que ten asolagado á opinión pública española na derradeira semana. O venres día 15, cumpríronse trinta anos da celebración (15 de xuño de 1977) das primeiras eleccións “democráticas” en España despois dos corenta anos de dictadura do xeneral Francisco Franco. Foron unhas eleccións peculiares, nas que moitos españois e españolas votaban por primeira vez e outros facíano despois de corenta e un anos. Malia celebrárense nun día laborable (mércores) e estar fortemente controladas por un goberno herdeiro da dictadura, a participación superou o 80%.



Agora, trinta anos despois, non faltaron as conmemoracións e os programas especiais nas canles de TV, tanto públicas como privadas, así como as reportaxes especiais na prensa escrita e nos seus suplementos de fin de semana. O xoves día 14 tiña lugar un acto conmemorativo en Madrid ás portas do Congreso dos Deputados coa presenza de moitos dos deputados da primeira lexislatura da transición política, dos actuais, dalgún ex – presidente do goberno e mesmo dos reis de España.
Un agardaba – inxenuamente - que, a estas alturas, o discurso público (no seu plano conmemorativo) respecto da transición da dictadura á democracia tivera mudado algo dende que, a finais da década dos 80, inicios dos anos 90, comezara a conformarse unha interpretación do proceso de natureza autocomplacente e acrítica, na que se destacaba permanentemente o suposto carácter “modélico” (e mesmo exportable a outros contextos políticos como Latinoamérica ou a Europa do Leste postsoviética) da transición española; na que se lle outorgaba todo o protagonismo do proceso a habilidade e xenerosidade dunha irrepetible xeración de políticos e na que, sobresaían dúas personalidades por riba de tódalas demais, o rei Juan Carlos I e Adolfo Suárez, o fundador do pseudopartido “Unión de Centro Democrático” (UCD), e primeiro presidente do goberno da democracia.



Esta visión, sancionada a nivel dos medios de comunicación pola serie documental “La Transición”, encargada por Televisión Española á periodista – testemuña Victoria Prego ignoraba o decisivo papel da sociedade civil española nas mudanzas daqueles anos: as manifestacións populares en demanda de amnistía para os presos políticos; a presión exercida por novos movementos sociais como o veciñal, o estudantil, as feministas, os ecoloxistas; a conflitividade laboral protagonizada polos traballadores e as súas recuperadas organizacións sindicais; a reedificación e restauración – nun novo contexto – das vellas culturas políticas anteriores ó golpe de Estado de 1936; as reivindicacións de dereitos políticos por parte dos nacionalismos históricos… Tan só se deixaba un pequeno espazo (autocelebrativo) destinado a lembrar o papel dos medios de comunicación – e en especial da prensa escrita – na contribución á progresiva apertura da opinión pública e a consecución dunha verdadeira “liberdade de expresión”. Foron estes, por exemplo, os anos da aparición de cabeceiras tan importantes como “El País” ou “Diario 16”.



Un agardaba algo así como un novidoso “discurso dende abaixo” (por limitado que fose) dos conmemoradores, que reparara un pouco máis no papel daqueles españois que quixeron deixar de ser súbditos “aforados” para convertirse en cidadáns e deixara de insistir en que a democracia foi, en certo modo, o mérito de “políticos aperturistas”, modernos, conscientes e fillos do seu tempo que, malia formar parte dos cadros dirixentes da dictadura franquista, entenderon que o único futuro posible para España era a instauración dun réxime democrático e a “natural” integración no noso contexto europeo…



Agora si, as reportaxes – en especial as televisivas – teñen aportado desta vez un contributo decisivo, o que faltaba: a transición vista dende a óptica dos tan exitosos, dende hai uns anos en España, programas chamados “rosas” ou “do corazón”. E o centro das preocupacións “conmemorativas” desta prensa rosa ten sido Adolfo Suárez. ¿Por qué? Pois porque en Adolfo Suárez xúntanse unha personalidade pública de relevo para a recente historia de España, e unha vida persoal e familliar ideais para o tratamento folletinesco. É sinxelo “conmemorar” dende esta perspectiva a figura de Adolfo Suárez. Por unha parte porque o ex – presidente é hoxe, en certo sentido, e dito sen querer ferir a sensibilidade de ninguén, un “morto en vida” aqueixado de Alzheimer ou demencia senil e, xa se sabe, a conmemoración non está pensada para celebrar ós vivos, senón para celebrar ós mortos servindo ós intereses (mesmo as necesidades comercias dunha “prensa do corazón” que devora “personaxes” a toda velocidade), dos vivos.



Nestas semblanzas televisivas de Adolfo Suárez apenas se falou da súa biografía política, e menos aínda – só de pasada - da súa extracción política falanxista (mesmo daba a imprensión de que pertencer ó partido do réxime era a única opción posible para poder levar este cara á democracia), ou de que foi director xeral de Radio – televisión española durante o franquismo, ou mesmo que foi ministro – secretario xeral do Movimento (Falange) - . En troques, enfatizábase en que cando o rei o nomeou presidente do goberno era un político “semidescoñecido”. Tampouco se detiñan moito en feitos tan relevantes como a legalización do Partido Comunista de España (PCE), a violencia terrorista da estrema dereita, o enterro dos cinco avogados laboralistas asasinados en xaneiro de 1977 en Madrid, os “Pactos da Moncloa” (1977), a promulgación da Constitución de 1978, por poñer uns cantos exemplos.



Ó que máis metraxe adicaban era á enfermidade da súa muller e da súa filla primoxénita, ambas falecidas como consecuencia do cancro de mama hai uns anos, a que outra filla casou cun sobriño – neto crápula e drogodependente do dictador Francisco Franco, ou que o propio Adolfo Suárez padece, como consecuencia das traxedias familiares, o mal de Alzheimer dende hai cinco ou seis anos. Como tamén adoita acontecer, nesta ocasión, a conmemoración derivou cara á compasión, neste caso coa personaxe, conducindo en realidade cara a unha banalización do seu verdadeiro significado como líder político no plano do histórico. Desapareceron – do espacio do público, aínda que non de todo, por sorte – os xuízos históricos, para seren substituídos pola lacrimóxena composición química do papel couché. Adolfo Suárez vai camiño de transmutarse – sen poder el mesmo evitalo – nunha especie de Lady Diana de Gales, e xa é quen de xenerar adhseións sentimentais incondicionais entre persoas de idades tan novas que até estes días atrás nunca antes escoitaran falar del.



Daniel Lanero.

2 comments:

vallera disse...

É sempre bom ler-te, Daniel. mesmo aos soluços :-)

Daniel Melo disse...

Ficção cor-de-rosa, caciquismo regional e monarquia cintilante, um cocktail único!
Por cá nã temos disso, compadre. Isto é menes animade.
Encontramo-nos a meio caminho, então, para continuar o episódio..
Vale?