sexta-feira, 2 de fevereiro de 2007

O Barco da memoria: unha iniciativa orixinal para a recuperacion da memoria dos represaliados polo franquismo na Galicia litoral.

Durante case un mes e medio, entre os días finais de xullo e os comezos de setembro de 2006, percorreu os principais portos de Galicia, de Sur a Norte primeiro, e de Norte a Sur, máis adiante, un barco, o vapor Hydria, adicado nos anos 30 do século pasado ó abastecemento de auga dos navíos que daquela protagonizaban a frenética actividade da Ría de Vigo. Setenta anos despois, o restaurado Hydria mudou a súa condición de "aguador" para se converter nunha exposición itinirante (e flotante) sobre a represión que, durante a Guerra civil e a posterior posguerra padeceron moitos daqueles mariñeiros que, nos anos anteriores a 1936, militaran ou simpatizaran con opcións asociativas e políticas libertarias, republicanas e/ou de esquerda.

A exposición, que chamou moito a atención pola súa orixinalidade, arribou a cerca de vinte portos da xeografía galega (A Guarda, Vigo, Pontevedra, Marín, Bueu, O Grove, Cambados, A Illa, Vilagarcía, Ferrol, A Coruña, Cariño, Ribadeo... entre outros). O seu éxito foi notable, sendo visitada por algo máis de trinta mil persoas entre residentes nestas vilas e cidades, os numerosos turistas españois e estranxeiros que visitan as nosas costas e praias no verán e, por suposto, os familiares e amigos dos represaliados. Mesmo pasaron por alí, aportando o seu valioso testemuño, algunhas das vítimas directas daquela sistemática vaga represiva.

Un dos aspectos máis interesantes estivo na dimensión cívica que, dada esta mestura de visitantes, adquiriu a iniciativa. Moitos nenos, mozos, e xa non tanto, puideron coñecer un episodio aínda non suficientemente estudiado e socialmente divulgado da nosa historia colectiva recente. Deuse o caso de familias, descendentes e amigos dos represaliados que recoñeceron ou atoparon a estes entre as fotografías ou os documentos escritos que se reproducían, en paneis, nas adegas do Hydria. E, como adoita acontecer neste tipo de actos e iniciativas de recuperación colectiva da memoria da represión e de dignificación das súas vítimas, agromaron novos testemuños orais (de sobrevivintes, de amigos, de descendentes...) e mesmo foron aportados outro tipo de rexistros documentais que axudarán a ir completando os baleiros do vasto mapa da represión franquista en Galicia, así como a aliviar a dor psicolóxica de cantos a padeceron. Mesmo, recentemente, foi elaborada; e proxectada pola "Televisión de Galicia" (TVG) o pasado sábado 27 de xaneiro, unha reportaxe documental sobre a singladura de O Barco da memoria. O máis salientable da mesma foron os testemuños dos familiares das vítimas, ben contextualizados polos comentarios do historiador Dionisio Pereira, un dos promotores da iniciativa e, sen dúbida, un dos mellores coñecedores do asociacionismo mariñeiro de preguerra en Galicia.

Na cinta, reproducindo o modelo da exposición, faise un acertado repaso, moi accesible para o público non especialista no tema, de diversos aspectos relacionados coa represión franquista nos portos galegos: o desenvolvemento do asociacionismo mariñeiro - nomeadamente anarquista (CNT) - no primeiro terzo do século XX; algúns episodios de conflitividade sociolaboral vencellados a el; a represión física paralegal exercida sobre os principais líderes sindicais e políticos locais, así como sobre certos presidentes de "Pósitos de Pescadores"; os intentos de fuxida polo mar trala institucionalización dos novos poderes franquistas; a resistencia á sublevación militar e a lealdade á II República dos mariñeiros (da tropa, non dos oficiais) dos buques da armada con base en Ferrol, a posterior "depuración" exercida sobre eles pola "xustiza militar" franquista...

En conclusión, penso que foi, pola súa novidade, polo seu enfoque divulgativo e inclusivo e, finalmente, pola súa vocación de asentar os valores dunha conciencia cívica colectiva, unha das iniciativas máis interesantes do irregular programa do "Ano da Memoria", denominación que a Xunta de Galicia deu ó 2006, septuaséximo aniversario da Guerra civil.

Daniel Lanero Táboas

0 comments: