sábado, 3 de março de 2007

A (re)apertura do proceso de paz e as súas posibles consecuencias políticas para o "governo Zapatero".


Hai xa un par de meses, cando o noso querido peao botaba a andar, decidín que o tema do meu primeiro post fose unha reflexión sobre a situación pola que pasaba o proceso de paz (ou o que fose ser del) despois do devastador (e mortal) atentado de ETA na terminal T4 do aeroporto de Madrid - Barajas o 30 de decembro do ano pasado. Daquela arriscaba a hipotetizar sobre o rumbo que poderían tomar os acontecimentos de alí en adiante. Penso que hoxe pode ser unha boa ocasión para facer unha nova valoración.

Algúns indicios significativos.

Hai quince días, nun mitín de precampaña das eleccións municipais de maio, celebrado no País Vasco, en concreto en Vitoria, José Luis Rodríguez Zapatero establecía cinco condicións para unha posible reanudación do proceso de paz (o presidente non foi tan explícito). Entre elas, as máis relevantes serían a esixenza a ETA de que abandoe definitivamente as armas e a "Batasuna, e á "esquerda abertxale" no seu conxunto, dunha condea firme e creible da violencia. O pasado sábado, o líder da ilegalizada "Batasuna", Arnaldo Otegui, concedía unha entrevista ó diario barcelonés "La Vanguardia" que, tanto polo contido das súas declaracións (até o de agora inédito) como polo ton xeral da mesma, non pasou desapercibida nin para a opinión pública española nin para os medios políticos, como amosou a breve referencia que a ela fixo o propio presidente do governo nun acto oficial ó día seguinte, cando comentou: "Hay elementos distintos a otros pronunciamientos tradicionales (de ETA)". Otegui afirmaba, entre outras cousas:


"Nosotros no usamos las armas. Queremos hacer política en términos democráticos (...) Lo que queremos transmitir a la ciudadanía es que dentro de un marco democrático donde tengan cabida todos los proyectos, la independencia sólo se puede construir desde vías pacíficas y democráticas. No se puede construir de otra manera"; "El Estado español no tiene que pagar ningún precio político a ETA. Ni tampoco a nosostros. Si nos situamos en la ecuación el fin de la violencia comporta el que haya que pagarle un precio político a ETA, no habría soloución. Eso equivale a plantear la rendición del Estado" ou "El gobierno tiene motivos para desconfiar de la interlocución de ETA, como estoy convencido de que la interlocución de ETA tiene motivos sobrados para desconfiar del gobierno...".


Semella claro que "Batasuna" devece por ser legalizada e presentarse ás vindeiras eleccións municipais de maio, que poderían sancionar o seu aparente papel de líder do conxunto da "esquerda abertxale" (en sentido amplo) no actual proceso. Nada lles gusta máis que compararse ó "Sinn Fein" ou o "Congreso Nacional Africano". Agora ben, quedan demasiadas preguntas no aire: unha posible condea da violencia como instrumento político é unha postura unánime no seo do nacionalismo radical vasco? Trátase dunha convicción sincera ou dun artificio retórico que se esvaecerá despois da legalización? Hai membros da organización terrorista ETA que apoian este posicionamento? Vai deixar ETA ser tutelada en futuras fases do proceso de paz por "Batasuna"? Que riscos de escisión interna hai na propia ETA?

De Juana Chaos, unha pedra menos no complexo camiño do proceso de paz.

O outra gran foco informativo da semana ó respecto, ten sido a resolución - alomenos en apariencia - do xudicial e políticamente intrincado caso do "militante histórico" de ETA Iñaki de Juana Chaos. Para resumir este folletín de despropósitos xudiciais, diremos que Iñaki de Juana foi un dos terroristas máis mortíferos da historia de ETA, con máis de vinte asasinatos ás súas costas durante a década dos 80. Foi condeado a 2.665 anos de cárcere, dos que, segundo o Código Penal de 1973 polo que foi xulgado, podería cumprir un máximo de 30. Tras aproveitar unha serie de beneficios penitenciarios (como a redención de once anos de pena pola realización de diversos traballos) De Juana tería que sair da cadea en agosto de 2005. Nembargantes, non o fixo porque un xuiz da Audiencia Nacional decretou a sua prisión a causa das supostas "ameazas veladas" contidas en dous artigos escritos polo terrorista no xornal abertxale "Gara". En outubro de 2005 foi condeado a doce anos de prisión por esas ameazas, no que constituiu unha condea, o meu xuízo, desproporcionada (e por ende, inxusta) e absolutamente condicionada pola alarma social e mediática provocada pola súa inminente excarcelación (producto dun Código penal desfasado e dunha política penitenciaria delirante). Trala sentenza (novembro de 2005), De Juana retomou unha folga de fame que xa comezara en agosto e que só suspendera durante a celebración do xuízo. O estado de saúde do preso empeorou até o punto de ser hospitalizado e de advertir os médicos da súa posible morte ó poder xudicial xa en febreiro de 2006; coa declaración de ETA de tregua indefinida (finais de marzo) pouco menos que no forno.


No pasado mes de febreiro, o Tribunal Supremo decidía reducir a condea de 12 a 3 anos e pasar a pataca quente da súa posible saída de prisión a "Institucións Penitenciarias", é dicir, a un organismo directamente dependente do governo. Finalmente, este decidía antonte, xoves día 1 de marzo, aplicarlle a Iñaki De Juana Chaos prisión atenuada (custodiado no seu domicilio), convertíndose así no primerio preso en España ó que se lle aplica esta modalidade de cumprimento da pena despois de ser el mesmo quen puxera en perigo a súa vida.

Á prisión atenuada para De Juana Chaos ten que ser lida, cómo se non, en clave política. O "histórico" terrorista etarra tíñase convertido nunha pedra no zapato do proceso de paz para todolos protagonistas do mesmo. Para a propia ETA porque a dirección desta desautorizou a súa folga de fame, en especial no agromar do proceso de paz. Nembargantes, esta actitude cambiou segundo as partes se foron distanciando no verán - outono de 2006, até o punto de declarar Otegui, na súa primeira comparecencia pública despois do atentado do 30 de decembro de 2006 que: "que un preso de ETA mantuviera una prolongada huelga de hambre era un síntoma de que el proceso no marchaba por buen camino". Agora, despois do autoimposto "periodo de reflexión" da "esquerda abertxale", e dun aparente cambio de orientación no seu discurso, a situación de De Juana Chaos podería volver a ser un atranco para os planos inmediatos da formación ilegalizada, e, segundo eles, para o propio proceso. Todo isto non quita que o teñan ido a recibir como a un heroe ó hospital de San Sebastián no que foi ingresado o mesmo xoves, ou que fixeran declaracións retóricas sobre os exitosos resultados da resistencia ó Estado español.


O governo, pola súa banda, quitou un peso de enriba - relativamente - pois o panorama do proceso quedaría absolutamente ensombrecido se un preso de ETA chega a morrer na cadea como consecuencia dunha folga de fame derivada dunha condea xudicial cando menos arbitraria. A banda terrorista tería outro mártir para o seu santoral, e determinados discursos normativos nos círculos do radicalismo abertxale recibirían un forte pulo retroalimentador. A consecuencia para Zapatero, para o seu ministro do Interior e home chave na xestión do proceso - Pérez Rubalcaba - e para o conxunto do executivo socialista, vai ser -probablemente - un forte desgaste político, canalizado e capitalizado polo Partido Popular e por certos sectores (AVT) das asociacións de vítimas, que acusarán ó governo de telas traicioado (o que xa fixeron co poder xudicial manifestándose en contra das súas decisións); de someter ó Estado de dereito á chantaxe do terror e de considerar a preservación da vida dun dos terroristas máis sanguinarios por riba da memoria das súas vítimas.

Conclusións (máis provisorias ca nunca).

Todo isto condúceme a unha serie de reflexións, relacionadas coa finalidade ou non finalidade electoral das accións (en concreto da política respecto do terrorismo) do actual governo español.

Antes de que ETA declarara a súa tregua, en marzo de 2006, e mesmo até o verán - outono do pasado ano, eu tiña a convicción de que o PSOE gañaría as eleccións da primavera de 2008 con facilidade, quizais mesmo con maioría absoluta. Esta percepción era o resultado de sumar a unha lexislatura relativamente tranquila - marcada pola bondade dos indicadores económicos e pola aposta decidida por certas políticas sociais/civís - a desastrosa estratexia de oposición seguida por un PP moi desconcertado dende o primeiro minuto do partido. Agora xa non o vexo tan claro. Estou certo de que a aposta polo diálogo do governo, que non deixou de ser evidente nin nos días posteriores ó atentado de Barajas, é acertada - mesmo me atrevería a dicir eticamente correcta - pero politicamente moi arriscada, dada as fibras sensibles que o problema do terrorismo toca en España, tanto en amplos sectores da opinión pública, como nunha porcentaxe moi elevada dos votantes, e non só, nin moito menos, dos do PP. Aquí habería pois, ó meu entender, dúas posibles lecturas que facer. Unha idealista, segundo a que, para o actual governo, a pacificación do País Vasco, e o fin pola vía do acordo da violencia etarra, sería unha prioridade absoluta por riba de calquera outro tipo de obxectivo político - electoral, mesmo o mantemento do poder. Non o creo. Outra, máis en clave electoral, tería que ver coa posible aposta de Zapatero e do PSOE por unha solución (ou por un encauzamento) máis ou menos rápido do proceso de paz que se puidera "vender" ós electores como un éxito de xestión política sen precedentes na historia dos 30 anos da democracia postfranquista en España. Un governo que non só tería "aliviado" as tensións territoriais e nacionais respetando o marco legal da Constitución de 1978, senón que a maiores tería rematado coa estructural "lacra do terrorismo". Agora ben, se isto é así: mide ben as súas forzas, as súas posibilidades e as súas capacidades este governo?; evolucionará a situación nun sentido manifestamente positivo (cara á resolución final do conflito) de aquí ás eleccións de abril de 2004?.

Xa o veremos.

0 comments: